Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Miño convoca os certames das Letras Galegas 2020, que se celebrarán en outubro


Desde a organización decidiron engadir este ano un novo apartado, o I Certame de Letra Adaptada.

O Concello de Miño convocou os certames das Letras Galegas 2020, os cales se celebrarán no mes
de outubro como consecuencia da situación sanitaria provocada pola pandemia mundial que se está
producindo este ano. Súmase ademais unha nova categoría, o I Certame de Letra Adaptada.
Aínda que a carteira de certames ofertados contaba xa con varias categorías de gran calibre como o
concurso de debuxo, o de poesía e o de relato curto, desde a organización decidiron engadir este ano un
novo apartado, o I Certame de Letra Adaptada, concurso reservado exclusivamente á participación de grupos.

Os que se aventuren a participar neste novo certame terán a tarefa de crear unha letra en galego
e adaptala a unha música de carácter libre. Dita letra deberá facer referencia ao personaxe homenaxeado
este ano, o filólogo, catedrático e escritor (entre outras etiquetas) Ricardo Carvalho Calero.
Desde o Concello destacan que “a pesar de que este 2020 está a ser moi complicado, estamos seguros de que
os certames deste ano serán un punto de brillo e gran satisfacción nestes grises meses.
Esperamos con gran ansia todas as creacións dos participantes que se inscriban en cada unha das
categorías.”